Monday 06 de May de 2024

A Mancomunidade de Ordes solicita a continuidade do servizo de Atención Temperá


O Pleno deste mes acordou tramitar unha subvención de 120.000 € para o gasto corrente e de persoal. No último ano atendéronse 160 casos

O Pleno da Mancomunidade de Ordes correspondente a este mes de maio acadou a decisión de solicitar a axuda de 120.000 € á Consellería de Política Social ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá. Con isto preténdese poder seguir mantendo este servizo. Actualmente o equipo que o está a desenvolver está composto por unha psicóloga, unha psicopedagoga e dúas logopedistas. En total o custo estipulado para isto dende novembro de 2017 ata outubro de 2018 ascende a un total de 134.000 €.

Ao longo do último ano atendéronse nesta unidade, con sede na vila da Ordes, 160 casos. Ten como principal obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Todo isto aplicando un modelo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Cómpre lembrar tamén a visita efectuada este pasado luns, 7 de maio, polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, quen coñeceu o espazo de traballo e as traballadoras da unidade comarcal. Rodeiro destacou o crédito inicial previsto e susceptible de ampliación para estas axudas, o cal ascende a 1.388.545 €, estando cofinanciado polo Fondo Social Europeo dentro do Programa Operativo 2014-2020.